San Froilán 2025: Cristina Lombao será a pregoeira e Branca Villares ofrecerá a ofrenda a Rosalía

LUGO LA VOZ

LUGO

Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que aprobou as propostas de Pregoeira e Oferente a Rosalía
Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que aprobou as propostas de Pregoeira e Oferente a Rosalía CEDIDA

O San Froilán contará con dúas mulleres referentes da cultura galega: Cristina Lombao, histórica voz da radio, e Branca Villares, especialista en música tradicional

06 sep 2025 . Actualizado a las 13:56 h.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a pasada xornada unha nova reunión da Comisión de Festas, centrada na organización do San Froilán 2025. Durante a xuntanza, aprobáronse as figuras que protagonizarán a apertura e a homenaxe principal da festa: a xornalista Cristina Lombao será a pregoeira, mentres que a música Branca Villares realizará a ofrenda a Rosalía.

Ferreiro destacou que «este ano contaremos con dúas mulleres que poñen en valor a importancia de Lugo na cultura galega actual».

Cristina Lombao é unha das voces máis recoñecidas da historia da radio en Galicia. Nacida en Lugo en 1964, estudou publicidade e relacións públicas no CENP e traballou en Radio Lugo, RNE Galicia e no xornal El Sol. Desde 1988 colabora coa Radio Galega, primeiro en Santiago e desde 1993 na delegación da Coruña. Entre 2007 e 2009 dirixiu e presentou o magacine «O Tren do Serán» e, en 1988, foi galardoada co Premio Nacional de Artes e Tradicións Populares por un programa da serie «O bosque animado».

A concelleira tamén subliñou que a ofrenda a Rosalía estará a cargo de Branca Villares, «unha muller profundamente vinculada á recuperación da música tradicional en Lugo». Nacida en 1980, filla dun gaiteiro, a súa formación musical foi principalmente autodidacta. Nos anos 90 participou en colectivos culturais como María Castaña e Reviravolta e formou parte de Liñaceira durante case unha década, traballando coa música galega e portuguesa como base. Ao longo dos anos percorreu a montaña lucense e outras zonas do país aprendendo ritmos e melodías de mestres e informantes tradicionais, coidando especialmente a vertente sociocultural e lúdica da música. Ademais, leva anos colaborando con proxectos de divulgación musical, teatro e educación, impartindo aulas de canto tradicional, pandeira e iniciación musical en diferentes escolas e colectivos culturais.

Ferreiro lembrou que «o San Froilán non é só un calendario de concertos, senón unha oportunidade para mostrar a nosa identidade cultural e reforzar a Lugo como capital da cultura. Queremos que veciñas, veciños e visitantes vivan a festa como unha experiencia colectiva, na que a música, a gastronomía e a tradición se unan».

O programa desta edición superará as 200 actividades, deseñado para todos os públicos e pensado para aproveitar ao máximo o potencial da gran festa do outono galego.