Verbena de Candeas en Meira: a rosca sairá en procesión e haberá baile do farolillo
MEIRA
Este domingo, día 2, recupérase unha tradición peculiar que combina devoción, gastronomía e música: «É unha festa acolledora e familiar»
28 ene 2025 . Actualizado a las 12:55 h.Todo listo en Meira para celebrar este domingo, día 2, a Verbena de Candeas, unha vistosa e peculiar festa relixiosa, gastronómica e lúdica con moita tradición no Concello e que se recuperou o ano pasado cun grande éxito. O baile do farolillo ou a procesión da rosca de Candeas son dúas das actividades máis orixinais e con máis tradición neste municipio que formarán parte do programa festivo. «Esta é unha festa moi bonita, acolledora e familiar», resume Yoani Jartín, técnico de Turismo do Concello de Meira.
O domingo, día 2, coincidirá en Meira a xornada de feira co propio día de Candeas, cando se aplica o refrán «A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa». Ás 13.00 horas haberá misa e bendiciranse as candeas, uns actos que nunca deixaron de celebrarse en Meira por estas datas, desde os tempos en que os monxes habitaban o mosteiro: «Hai moita devoción nesta zona polas Candeas. A festa realmente nunca se deixou de facer de todo, pero ía de maneira intermitente, e foi o ano pasado cando se decidiu retomar a verbena», apunta Yoani.
Sorteo e degustación
Despois ten lugar unha procesión moi peculiar: ademais da Virxe e o Neno, que percorren as naves da igrexa, sacan en procesión unha gran rosca de Candeas flanqueada por dúas pombas, «mentres se entoa un canto que se remonta a tempos do mosteiro», engade. Trala procesión, farase un sorteo de roscas de Candeas entre os que adquiran rifas, mentres que outras se cortarán para repartir entre os asistentes, con viño de misa.
Pola tarde, a partir das 20.00 horas, comezará a verbena-tardeo. «Este horario é un dos aspectos que máis gustou, porque lle dá un aire máis familiar, máis de festa de barrio, e así pode asistir xente de todas as idades», comenta Yoani. Será na Praza do Concello, pero se chove trasladarase ao polideportivo. Haberá música co grupo D’Cano e degustación de rosca de Candeas con chocolate quente. Este doce, similar ao roscón de Reis, é un clásico desta festa. O ano pasado, por exemplo, repartíronse unhas trinta roscas de Candeas de gran tamaño.
Tamén se celebrará nese momento o baile do farolillo, no que pode participar quen o desexe, adquirindo o farol antes de que comece o baile. O obxectivo é bailar co farol acendido e ir cambiando de parella e adaptándose aos diferentes ritmos segundo vaian indicando os músicos, sen que se apague a candea. Unha vez apagado, non se pode volver acender, de maneira que gañará o dono do farol que se apague en último lugar. O premio é unha rosca de Candeas e viño doce. «O ano pasado fíxose a modo de proba, e os 100 farolillos que se prepararon esgotáronse, tivo moito éxito. A xente fai un corro e no medio bailan persoas de todas as idades, que van cambiando de parella, sen parar, seguindo o ritmo e con tino para que non se apague, é moi bonito e divertido», recorda a técnico de Turismo.
Ademais do baile, tamén hai inchables de balde para os máis pequenos e sorteos de regalos, fundamentalmente, produtos gastronómicos.
A organización desta verbena tradicional, segundo explica o concelleiro de Cultura, Agustín Méndez, corre a cargo do Concello e das asociacións meiregas.