Patrocinado porPatrocinado por

Francisco López, presidente do Craega: «A agricultura ecolóxica non é volver ao sacho»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

AGRICULTURA

López cre que a produción ecolóxica en Galicia aínda ten posibilidades de crecemento.
López cre que a produción ecolóxica en Galicia aínda ten posibilidades de crecemento. PALACIOS

Afirma que as axudas da Xunta son positivas, pero engade que aínda se necesita apoio

21 jul 2023 . Actualizado a las 18:57 h.

Francisco López, que ten unha explotación na parroquia de Crecente (A Pastoriza, Lugo) e preside o Craega, non dubida das consecuencias do aumento dos fondos para a agricultura e para a gandería ecolóxicas. A Xunta anunciou esta semana que os fondos dedicados este ano han ser case o triplo dos previstos hai meses. «Creo que isto lle vai dar estabilidade ao sector», afirmaba este xoves, aínda que sen pensar que xa teñen desaparecido os problemas: «A Xunta ten que seguir apoiando o sector», comentaba.

-Está sobredimensionado o sector?

-Non, todo o contrario. O sector ten moito onde medrar. Se o futuro de Galicia é ir cara explotacións máis grandes, a agricultura ecolóxica ten pouco que facer. Esta produción apóiase na base territorial; pero Galicia é un minifundio: non somos Castela nin Andalucía. Hai leiras dunha hectárea ou de tres hectáreas. É un terreo ideal para practicar a agricultura ecolóxica,  pero hai que apoiala. Na agricultura ecolóxica, aínda hai moito traballo que facer. Este sistema non é facer o de hai trinta anos, non é volver ao sacho. Ten que modernizarse, e a Xunta ten que prepararse, porque hai moitas ferramentas (venda «online», temas de internet...). Non podes facer un produto ecolóxico e pensar que cho van comprar na casa. Os mercados de produtos ecolóxicos son máis reducidos, e necesítase un esforzo maior ca nos de produtos convencionais. O produto convencional entra no mercado competindo en prezo. O ecolóxico é todo o contrario: necesítase unha calidade, porque o consumidor é máis reducido.

-Hai moita distancia entre a agricultura e a gandería ecolóxicas? Están realmente no mesmo sector?

-Na gandería traballas con animais; na agricultura hai produtos de horta e froitas. As restricións son as mesmas: por exemplo, non se poden usar herbicidas. Por iso hai producións que en Galicia son difíciles de conseguir, coma o viño ou o mel.

-Hai tensións co sector de produción convencional?

-Non. Por iso quedei un pouco insatisfeito das reunións [mantidas con responsables da Consellería do Medio Rural e de organizacións agrarias], porque se quixo tensar o ambiente. Se conviven a agricultura convencional e a ecolóxica, non ten por que haber tensións entre unha e outra.

-O produto ecolóxico ten un prezo algo máis alto ca o convencional. É iso un contratempo?

-Se son realista, hai xente que non pode pagar un 20 % máis por un alimento ecolóxico e ten que comprar un de marca branca ou convencional. O ecolóxico ten un mercado máis reducido; pero hoxe, se vas a a alguna gran superficie, xa o ves.

-A xente entra na produción ecolóxica atraída polas axudas que dá a Xunta?

-É un debate que se dá moitas veces. Hai picaresca en todos os sectores. Pero o que entra en produción ecolóxica ten que manter a actividade cinco anos, e creo que ninguén se vai arriscar se ve que non ten futuro. Hai xente que quizais non entra moi convencida, pero ou atopa unha saída ou pecha. Fálase dos prezos, pero o dos prezos non é o único importante: nunha gandería, por exemplo, redúcense moito os gastos. 

-Hai que buscar mercado fóra de Galicia?

-Os nichos de mercado de Galicia son máis ben pequenos. Canto máis vende o gandeiro en convencional, máis se poden reducir as diferenzas co ecolóxico. En Alemaña hai un 15 % de diferenza, aqui é maior.

-O sector ten medrado en produtores nos últimos anos. Trátase dun crecemento fráxil?

-Se medras en animais, tes que medrar en terreo. Se tes cincuenta vacas, necesitas alugar terreo e a produción é menor. Queda moito por facer, e a consellería ten tamén moito traballo por diante. Habería que fomentar a compra pública de produto ecolóxico. Nos colexios, nos hospitais, debera haber consumo de produtos ecolóxicos. Que a un neno nun colexio lle dean colifor de Holanda...! Por iso sería importante a compra pública.

-Está o produto ecolóxico máis apegado ao medio rural?

-Nunha explotación convencional non tes por que vivir no lugar onde traballas. Os que estamos aquí mantemos o rural. A produción ecolóxica é unha maneira de coidar as producións pequenas e de fixar poboación no rural.

-Animaría a alguén a comezar unha produción ecolóxica?

-Depende da actitude que teña. Se alguén viñese ao ecolóxico para gañar moitos cartos, diríalle que non. Se alguén o ve difícil no convencional, o modelo ecolóxico é unha maneira de mellora a calidade de vida.

-Pode competir o produto ecolóxico de Galicia co doutros sitios, do resto de España ou doutros países?

-En calidade, si. Outra cousa é que poida competir en prezo. Noutras zonas de España hai terreos maiores. Os custos redúcense moito se produces un millón de leitugas, pero o problema que hai en Galicia é que temos producións pequenas.

-Aguantaría o sector sen axudas?

-Si. O mesmo ca o convencional. As axudas melloran as rendas ao final do ano, pero se un sector non é rendible sen axudas... Preferiría que se pagase o produto ao prezo que debera ter e non depender das axudas. As axudas son boas, porque hai sectores que non resistirían sen elas; pero habería que tentar que fosen rendibles e non ter que inxectar axudas.