Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar: «Cada vez reclámase un produto máis seguro e sostible»
GANADERÍA
A cooperativa celebra o seu vixésimo aniversario adaptándose a novos retos
28 jun 2022 . Actualizado a las 11:31 h.Vinte anos pasaron xa dende que oito socios da zona de Xallas e Barcala decidiron unirse para aforrar tempo e cartos. Con este obxectivo nacía no 2002 Ganxabar (Gandeiros de Xallas e Barcala). Agora, dúas décadas despois do nacemento do proxecto, Adrián Cundíns, xerente técnico da cooperativa, fai un repaso pola historia da sociedade.
El é enxeñeiro e valora a cooperativa como forma de compartir recursos entre os socios. «Buscamos optimizar a man de obra e o tempo de dedicación ás explotacións», comeza. «Se en vez de ter todos a mesma máquina conseguían organizarse por quendas para usala lograban optimizar o tempo e optar a mellores máquinas», explica en referencia á orixe da cooperativa. Cundíns valora tamén o poder da suma de factores para lograr máis cousas. «Non é o mesmo que unha soa explotación busque financiamento que oito xuntas», exemplifica mentres recalca que o motivo da asociación «foi querer crecer, mellorar e ter maior capacidade de negociación».
Para conseguir manterse en activo vinte anos non so contaron co esforzo dos socios, senón que buscaron perfís específicos para mellorar o traballo. «Na propia cooperativa, fóra das explotacións, temos a xente formada no ámbito animal, en concreto especializados no tema da recría. Tamén temos a xente do ámbito da mecánica e automoción centrados tanto na parte de forraxes coma na de alimentación. Tamén hai un perfil de asesoramento que se adapta ás necesidades de traballo, como o meu labor», resume o xerente de Ganxabar, titulado en enxeñería agrónoma. Con todos estes perfís buscan ter cubertas todas as súas ramas de actividade.
A situación do 2002 non ten nada que ver coa do 2022. Adrián Cundíns valora a evolución do sector parella á da sociedade. «A dirección que leva a cooperativa e o sector lácteo en Galicia vén dado pola xente. Cada vez reclámase un produto máis seguro e sostible medioambientalmente, que coide do benestar animal», analiza. «Cada vez a industria esíxenos máis e nós tivemos que evolucionar nese sentido. Estamos nun momento no que tes que ser moi profesional para ter a capacidade de subsistir», relata. Para o sector está resultando duro o encarecemento derivado da guerra en Ucraína. «Cun golpe como o que nos están dando na situación actual, co aumento do prezo das materias primas e das subministracións, non te podes permitir o luxo de ser mediocre. Co volume económico que se move, se dás un mal paso pódeche provocar a ruína», analiza. Facendo retrospectiva da historia da asociación, recoñece que «nunca fomos un sector moi estable». «Nos 20 anos da cooperativa houbo momentos nos que o prezo do leite parecía que era o do petróleo e outros nos que o único que facíamos era afundirnos economicamente. De feito moitas explotacións tiveron que explorar novas vías de ingresos para manterse a flote», lembra.
«As explotacións non teñen relevo xeracional porque a marxe non é atractiva»
Porén, Adrián Cundíns non quere centrarse no lado negativo. «Sempre fun optimista e penso que estamos nun sector estratéxico para a humanidade», comenta. «A xente pode prescindir de moitas cousas pero do último que podes privarte é da alimentación», o que fai que o sector sexa practicamente imprescindible. Para el, isto fai «que sexamos un sector que por un lado ou por outro ten que sobrevivir e iso implica que pasaremos bos e malos momentos». A situación actual fai que «agora esteamos pasando por un moi malo porque producir un litro de leite custa case o dobre que hai un ano e pico», critica. Entre os causantes están que «o gasóleo dobrou, a electricidade aféctanos a todos por igual, o prezo dos animais subiu, o do millo practicamente duplicouse...», enumera.
Aa máis longo prazo, Cundíns ve un problema en que «moitas explotacións non teñen relevo xeracional porque o marxe non é atractivo para a xente nova». Analizando as causas, o enxeñeiro agrónomo non pensa que sexa polo traballo en si, «porque dis: se traballo moito pero me repercute economicamente aínda te animas a coller unha explotación, pero se non ves iso, non é atractivo».Como claves para que se produza ese relevo considera que «hai que mellorar as condicións laborais. É un sector que historicamente ten un estigma social polo cal se asocia o campo á escravitude. A xente pensa que hai que traballar de sol a sol os 365 días do ano. Para que sexa atractivo hai que ofrecer unhas condicións dignas e hai que xerar máis postos de traballo, pero para isto a marxe ten que ser maior». «Se non tes esas condicións, vas buscar outro traballo que che permita conciliar coa vida privada», considera.
O xerente de Ganxabar incide na importancia de coidar o sector primario porque «se temos que depender da carne que veña de Arxentina ou Europa central, ou do leite de Francia, vai acabar sendo todo moito máis caro do que producimos aquí. Aí si que vai ser complicado», conclúe.