Patrocinado porPatrocinado por

Coco, camareiro a bordo: «En Leningrado non había quen se despistase»

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

SOMOS MAR

Martina Miser

En 1969, os transatlánticos eran o mellor medio para que un rapaz puidese ver mundo en pouco tempo

13 jul 2024 . Actualizado a las 04:46 h.

Bo conversador e mellor persoa, nada máis pracenteiro neste dubitativo inicio do verán que sentar a tomar un café e botar unha latricada con José Juan González Vidal (Barakaldo, 1952) a quen pouca xente coñecerá por ese nome en Vilagarcía. Se cadra alguén máis en Carril, onde vive e de onde procede a súa familia. O sobrenome de Coco, e aquí entramos xa en materia, foi cousa do seu pai. «Disque de pequeno era moreno, moreno, e tiña as pernas moi tortas. Así que dicía ‘‘parece un coco'', e Coco quedou». Que o noso home de mar nacese en Barakaldo ten que ver co oficio do seu pai, que xa navegaba para a histórica navieira Ybarra coma cociñeiro. A parella viviu aló durante varios anos cos seus cinco fillos, aínda que, sendo el aínda pequeno, regresaron a Arousa. «Volvemos cando se botaron os transatlánticos xemelgos Cabo San Vicente, no que, mira ti, acabei navegando eu, e o San Roque, pero ao final onde nos instalamos foi en Carril».

Con 17 anos, a Coco espertóuselle a chamada da alta mar. Falouno co pai, e este non dubidou en escribir a Ybarra. «Dalí a nada xa me chamaron. Collín o tren en Redondela e marchei para Cádiz. Tardei día e medio ou dous días en chegar». Daquela, o buque de pasaxe ao que se ía incorporar ficara no dique seco. «A primeira impresión ao velo foi tremenda, porque parecía flotar no aire». Rematadas as reparacións, tocou embarcar para aquela primeira ruta. «Normalmente saiamos de Vigo ou de Barcelona, alternando cada quince días. Logo tocabamos Tenerife e de alí a Santos, a Montevideo ou Bos Aires, que era a escala final». O barco levaba pasaxe e algo de carga, porque tiña bodegas. «Era 1969 e daquela aínda había moito pasaxeiro; eran os buques correo que levaban e traían xente a Arxentina, Brasil e Uruguai».

A todo isto, Coco traballaba coma camareiro a bordo, «sempre na fonda, non de mariñeiro». Non eran tempos que se caracterizasen polos bos salarios. «Cando en Holanda gañaban xa o equivalente a oitenta mil pesetas, en España collías como moito 2.500». Os cruceiros facían a ruta de Sudamérica no inverno, mais no verán cubrían as do Mediterráneo e do norte de Europa. E, claro, os cartos que en Montevideo daban para saír, coñecer un pouco a cidade e divertirse, en Oslo alcanzaban para un par de cervexas e pouco máis. Por iso, nunha destas que buscaban xente para o lavalouzas, Coco anotouse e converteuse nun artista. «Case lanzaba os pratos polo aire, podes crelo, e había unha boa razón para ese cambio, porque nese posto pagaban catro mil pesetas».

En pouco tempo, un tripulante podía coñecer moito mundo traballando nos transatlánticos. Hamburgo, Roma, Nova Orleáns, os fiordes.. Tamén o Mar Vermello e prazas coma Haifa, en Israel, onde mesmo xogaba ao fútbol. «Botábamos partidos coa xente de alí, e faciámolo en varios países. Con nós navegaba un rapaz de Rianxo que era moi bo. Lembro unha vez, no norte, na que ás tres da mañá estabamos dándolle ao balón. ¡Era de día coma as doce da mañá! Coincidiunos no tempo no que o sol está no ceo practicamente sempre».

Logo duns anos, sendo aínda novo, Coco decidiu tomar terra. «Tiña xa dúas fillas e as gañas de navegar pasaran». Así que traballou na baixura ata que tivo a oportunidade de aprender o oficio da estiba e a desestiba de mercancías coa consignataria Prego, de Vilagarcía. Recoñecida a súa habilidade coa carretilla e os vehículos do ramo, fixo carreira na Transmediterránea e con outra consignataria, García Reboredo. Daquela época lembra os bos xornais que xeraba a descarga de peixe conxelado no porto arousán. «Nun día bo podían chegar a traballar catrocentos homes». E sempre o agarimo da familia. A muller, Chelo, as dúas fillas, Rosi e Male, e os tres netos, Manuel, Sabela e Noa, que son os que renovan a vida.

Martina Miser

«Europa sempre me pareceu o máis bonito de todo»

Coco bailou no entroido de Río, ruou Bos Aires e catou a cálida Nova Orleáns. «Pero a min Europa e as súas cidades, Venecia, Roma, Atenas, sempre me pareceron o máis bonito». Daquela, os cruceiros tamén tocaban a Unión Soviética. Toda unha experiencia. «En Leningrado non había quen se despistase. Víñannos buscar, agardaba un bus por nós e movíannos a todos xuntos en grupo. Pola túa conta, nin os bos días», lembra cun sorriso, preguntándose como estará hoxe aquela xente.