Patrocinado porPatrocinado por

O sector do mar busca fórmulas para mitigar o impacto das ouxas nos bancos marisqueiros

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SOMOS MAR

VITOR MEJUTO

Este peixe similar á raia devora o marisco, provocando perdas importantes para o sector

22 feb 2025 . Actualizado a las 14:09 h.

As ouxas son un problema para os mariscadores porque son grandes depredadores de bivalvos. A Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra celebrou este sábado a xornada «Sol Ouxa I» co fin de elaborar un diagnóstico da situación integrando a información científica e técnica coa experiencia do propio sector, abordando de xeito paralelo a identificación das necesidades de investigación nesta materia. «Un coñecemento indispensable para, posteriormente, elaborar unha proposta de accións consensuadas co propio sector para abordar o deseño de medidas no curto e medio prazo de protección e prevención eficaces para mitigar os efectos e impactos detectados nos bancos», segundo informan os promotores da iniciativa. Este proxecto está liderado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Na cita deste sábado participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde.

«Este proxecto ten como obxectivo incrementar o coñecemento sobre a presenza do peixe condrictio Myliobatis aquila, coñecido como ouxa, considerado tradicionalmente un dos principais depredadores de bivalvos, polo que estas xornada resultou de especial interese para o sector marisqueiro».

Na ría de Arousa toca de cheo este problema pois son recorrentes as queixas dos mariscadores e dos parquistas sobre os estragos que provoca este especie na produción, coas conseguintes perdas económicas.

Os participantes nas xornadas incidiron na necesidade de incrementar o coñecemento sobre esta especie, presente no ecosistema mariño galego, e constatar a percepción que ten a comunidade pesqueira sobre o seu impacto na actividade marisqueira. «Este encontro senta as bases para o desenvolvemento de actividades que permitan analizar a pegada que ten sobre os bancos de bivalvos», segundo as conclusións extraídas da xornada.