Patrocinado porPatrocinado por

Expertos apuntan ao cambio climático e á deficiente depuración no declive do mexillón

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Martina Miser

Científicos, produtores e Administración repasaron os retos do sector bateeiro en Vilagarcía, nunha xornada na que se pediu máis investimento en investigación

17 may 2025 . Actualizado a las 04:45 h.

Hai demasiadas bateas? É dicir, está axustada a capacidade de carga das rías? É este un asunto que pon nerviosos aos bateeiros, como se puido apreciar onte na xornada «Innovación e sostibilidade no cultivo do mexillón: claves para o futuro do sector», que Opmega organizou en Vilagarcía e na que os produtores afearon á xornalista que conducía o acto que repetise tantas veces o da capacidade de carga nas súas preguntas. Demasiada susceptibilidade, quizais por esas voces que se escoitan dende hai anos suxerindo que existe sobrecarga e os dedos que apuntan ás bateas cando se fala de contaminación, pero que levou aos produtores a errar o tiro e cargar contra o mensaxeiro. Demasiada susceptibilidade, porque o certo é que actualmente non é posible sabelo: «Pode que si ou pode que non, hai que estudalo», sentenciou Carlos Pereira, investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) do Grupo de Investigación de Patoloxía en Acuicultura. «Ninguén dispón de datos agora para dicir se hai sobrecarga ou non», abundou.

Pereira deu máis datos para tranquilizar un sector que non atravesa o seu mellor momento, cunha caída importante da produción. «Non se pode responsabilizar ao cultivo do mexillón da deterioración das augas», afirmou o científico. Non se pode, porque contaminar contaminamos todos e hai unha parte desa polución das rías «que se debe ao deficiente saneamento do que chega dos ríos».

Depurador

Tamén actuaron como dardo tranquilizante as palabras que o experto lanzou relacionando a elevada capacidade de filtración que ten o bivalvo e a depuración da contaminación antropoxénica das augas. Neste senso —e sen concretar localizacións pese a que está publicado nun estudo—, hai probas de que o mexillón depurou os fármacos e as drogas que chegaban nas desembocaduras de determinados ríos. E iso sóubose cando se analizou o sedimento. «Un punto positivo, por tanto».

Tamén comentou que non é a primeira vez que o mexillón carga cun sambenito que non é seu. Falou así do patóxeno viral que a finais dos oitenta causou a morte de moitos peixes e se sinalou ao bivalvo, cando en realidade, anos despois, se puido comprobar que se debía ás crías importadas que engordaba unha piscifactoría que había río arriba.

O certo é que o mexillón non é alleo a un problema que está provocando unha baixada de produción en todas as especies: o cambio climático. O bivalvo está pagando, sobre todo, as consecuencias da acidificación, que, como recordou Covadonga Salgado, directora do Intecmar, dificulta a formación do carbonato cálcico, de modo que a especie ten que gastar máis enerxía para producir a cuncha e págao cun menor crecemento. A temperatura da auga e os cambios bioxeoquímicos tampouco lle están facendo moito ben. Ao que hai que sumar os depredadores. Especialmente impactantes foron as imaxes que mostrou un bateeiro de Opmega, Jesús Castiñeira, de cordas practicamente peladas pola acción de depredadores.

Por iso que fai falta «apostar polo coñecemento», dixo o presidente de Opmega, Ricardo Herbón, «anticiparse aos retos con máis ciencia, máis formación e máis innovación».

O conselleiro de Mar, Alfonso Villares, admitiu que o mexillón non está nas súas mellores cifras de produción, pero animou a consumilo porque é unha fonte importante de nutrición. E, como non se consola o que non quere, quixo poñer o acento e aludiu a que «o prezo actual do molusco é o máis alto da historia», o que ofrece unha oportunidade para o sector.