
O meirande programa cultural dedicado a unha traxedia marítima volve esta fin de semana á Costa da Morte
11 jul 2025 . Actualizado a las 00:48 h.Do venres ao domingo • «Un evento único e orixinal nun litoral espectacular pola súa beleza, ateigado de historias, lendas e tradicións vinculadas co noso patrimonio marítimo, material e inmaterial». Así é como presentan a asociación Naufraxios Galegos, presidida por Fernando Patricio Cortizo, o que esta fin de semana se poderá ver nas vilas de Camelle e Arou. Será a sexta edición dos actos conmemorativos do naufraxio do City of Agra (1897), «o meirande programa cultural adicado a un naufraxio en Europa», inciden tamén. Todo, dende este venres 11 ao domingo 13. Feira mariñeira, visitas guiadas, teatralizacións, concertos, tributos, premios a concursos de escafandros, fachadas e postos artesáns, fútbol... No musical, ben merecen nomearse The Bronteroc (venres), Adhara & Ritman (sábado) ou Kreze (tamén sábado, acompañando de noite a escenificación da arribada dos náufragos do City). Entre o programa cómpre destacar asemade o roteiro animado dos náufragos do Agra, previsto para as 10.30 horas do sábado, con saída do Miradoiro de Lobeiras, en Arou, e necesaria inscrición previa en naufraxiosgalegos@gmail.com ou ben no 610 984 015. Ao exposto hai que sumarlle ademais rutas de tapas polos bares tanto de Arou coma de Camelle.
Cómpre lembrar que, no ano 2023, a conmemoración de Naufraxios Galegos deixou impresionado a Aman Chandran, máximo responsable de Cultura e segundo secretario da embaixada da India en España: a meirande parte da tripulación do City era dese país.