Patrocinado porPatrocinado por

Unha viaxe ao pasado para entender o colapso da langosta

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez VIGO / LA VOZ

SOMOS MAR

Imagen aérea de la cetárea Redonda de A Guarda, la última que se mantuvo en activo.
Imagen aérea de la cetárea Redonda de A Guarda, la última que se mantuvo en activo. J.I.

Un estudio usa documentos históricos para relatar su decadencia

25 jul 2025 . Actualizado a las 04:47 h.

O marisco non foi, ata tempos recentes, un alimento apreciado polos galegos. Estaba asociada a pobreza e, en moitos casos, utilizábase para dar de comer aos animais. Soamente dúas especies tiñan certo estatus: as ostras e a langosta. Apreciadas na tradición romana, a abundancia de cetáreas en Galicia indica que eran consumidas durante a época do Imperio. «Os primeiros escritos que temos que falan sobre a langosta son da época medieval. Están na Historia Compostelana, que data do 1.333, e falan da presenza da langosta no mercado da cidade», indica o biólogo Rafael Bañón, coautor xunto a José Irisarri dun estudo que analiza «o colapso» da pesquería da langosta a través da documentación histórica.

«Queríamos demostrar a abundancia desta especie que houbo sempre en Galicia en contraste coa que hai agora», explica Bañón. A idea xurdiu dun vídeo que fixo Irisarri no que verificaba a ausencia de langosta nas illas Cíes. El, que levaba anos, mergullándose no arquipélago nunca vira ningún exemplar do animal ao contrario do que atopou o arqueólogo submarino belga Robert Sténuit cando viu buscar os restos Santo Cristo de Maracaibo, o galeón afundido durante a batalla de Rande. «Do barco nin rastro, pero si viu unha exuberante biodiversidade mariña na que abundaba a langosta», conta Bañón.

O século clave na pesquería de langosta en Galicia foi o XVIII. En 1789 chegan á comunidade os langosteiros franceses buscando novos caladoiros, os seus xa estaban sobreexplotados. «Na cociña francesa a langosta é un animal moi apreciado», indica Bañón, que lembra que «viñan aquí a pescar e logo a levaban para Francia». O produto pasou a ter en pouco tempo unha gran saída comercial a nivel nacional e internacional polo que as súas capturas multiplicáronse. Isto tamén provocou un cambio nas súas artes de pesca. Ata o de agora capturábanse de forma selectiva con nasas, pero, cando o mercado demandaba máis e o animal comezou a escasear estas artes, non foron suficientes. Pasaron a outras menos sostibles e que tensionaron aínda máis a sostibilidade da especie.

No século XIX tratouse de mellorar a súa xestión con vedas anuais e establecendo tallas mínimas, pero non foi suficiente. «A poboación colapsou, finalmente, nos anos 70 e 80 do século pasado. Probablemente, foi pola sobrepesca, pero pode que houbera outras cousas. O animal desapareceu en toda Europa e, por exemplo, no Mediterráneo español só se manteñen cetáreas nas illas Baleares», indica o biólogo.

Bañón e Irisarri inciden no seu artigo en que se debería apostar por un plan de recuperación de cría en catividade e repoboación en áreas mariñas con especial protección. «Aquí manteríanse ata que a súa poboación crecera o suficiente para poder colonizar outros lugares da súa costa». A langosta é un exemplo máis que lembra «que a nosa riqueza mariña, de non coidarse, non vai durar eternamente».