As confrarías son o sector en sí mesmo, pese a quen lle pese
PESCA Y MARISQUEO
Lin un artigo de opinión neste xornal dun investigador xubilado do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que facía mención ás confrarías de pescadores e a situación actual do marisqueo, e no que se sorprendía pola escasa querencia ás organización de produtores, esa fórmula asociativa creada ao amparo da normativa europea.
Para as confrarías, como entidades que levan máis de 100 anos xestionando e prestando servizos é moi importante o saber facer, a sabedoría dos vellos e a transmisión dos valores de respecto e coidado do mar; polo tanto, somos moi respectuosos co que calquera considerado experto poida opinar. Sen embargo, como presidente da Federación Galega de Confrarías teño que lamentar a falta total de coñecemento por parte de articulistas ou opinantes (ben sexa na prensa tradicional ou nas redes sociais) do que son e o que significan para a xestión dos recursos mariños en Galicia.
As confrarías son o sector en si mesmo; son a viva esencia do mar e están dirixidas e organizadas en torno a figura do profesional que desenvolve a actividade pesqueira e marisqueira no seu ámbito de actuación. Facer de menos á confraría é facer de menos ao compañeiro e ao profesional que se xoga a vida diariamente no mar para traer alimento a terra. Respecto é o mínimo que se lle pode pedir a estes articulistas e opinadores das redes e dos medios.
As veces un, de tanto que escoita unha falsidade ata acaba pensando que é certa, pero a opinión pública debe saber que a situación actual do marisqueo nada ten que ver coa xestión que dende as entidades se realiza. Ao mellor pénsase que as confrarías teñen a culpa das tormentas que arrasaron o marisco das rías, de que se produzan verquidos indiscriminados ás rías, das consecuencias do turismo masivo nas rías, do cambio climático...
Teño que dicir que as confrarías e as súas federacións reclaman continuamente ante as distintas Administracións solucións en aras de conseguir manter os oficios no mar, que en moitos casos loitan sen recursos económicos ou con eles moi limitados para que os pobos galegos sigan estando vivos.
Para os que non o saiban a organización do sector, basease na economía social porque é a mellor fórmula organizativa que existe para a xestión dos recursos públicos; é dicir, dos que pertencen a todos os galegos. As confrarías non son fórmulas económicas con fin de lucro, senón que se basean na explotación racional dos recursos coa finalidade do mantemento dos socios e na reversión dos beneficios no fin común. Só aqueles que coñezan as confrarías saberán que estiveron, están e seguirán porque son necesarias.
Poden existir infinidade de fórmulas asociativas, as confrarías sempre defenderon a promoción do asociacionismo, pero non imos permitir a creación de organizacións que como fin teñan a destrución da fórmula organizativa centenaria. Como tampouco imos entender que opinadores, articulistas e persoas alleas ao sector critiquen a mellor formula que hai para a xestión dos recursos comúns no mar: as confrarías.