Torta de filloas

As filloas ou freixós son todo un símbolo da repostería galega e, sen dúbida, un dos principais activos do noso Entroido; neste caso imos facerlle unha homenaxe fóra da elaboración tradicional


As filloas ou freixós, como denominamos pola Mariña, son tal vez o símbolo principal da repostaría galega e, sen dúbida, un dos principais activos do noso Entroido. Non hai fogar que non conciba estes festexos sen a xoia da coroa, sexa na versión que for.

É difícil aborrecelas, sobre todo porque botamos boa parte do ano agardando por elas. Mais quixemos ir un paso máis alá e facerlles unha especie de homenaxe, con esta torta que pode ser a sorpresa ideal para as vosas sobremesas. Ou merendas. Porque as filloas entran ben en calquera momento.

Ingredientes
Medio litro de auga
Medio litro de leite
6 ovos
Fariña
1/4 de vaso de azucre para as filloas e una cullerada de azucre
1/4 de vaso de aceite
1/4 de vaso de anís
Pela de limón
Chisco de sal
Instrucciones
  1. Para as filloasMesturamos nun recipiente a auga, o leite, os ovos, o azucre, o aceite e o sal e imos engadindo pouco a pouco a fariña; non vos poido dar unha cantidade exacta debido a que tedes que ir probando, até que espese un pouco a masa

  2. Agora é o momento de bater co batedor eléctrico para que non quede ningún gromo

  3. Agora engadimos a pela de limón e deixamos reposar durante 3-4 horas

  4. Collemos unha tixola (mellor se é especial para filloas, ou unha placa de ferro...) e botámoslle unhas gotas de aceite, manteiga ou pasarlle un pouco de touciño para evitar que se peguen

  5. Cun cullerón collemos unha porción da masa e repartímolo por toda a tixola, deixamos que se faga e cando vexamos que se comeza a despegar debemos darlle a volta

  6. Colocámolos nunha fonte ou prato e reservamos

  7. Para a torta: Colocamos unha filloa nun plato ou nunha fonte e estendemos unha boa capa de crema de cacao

  8. Sobre o cacao colocamos unhas lascas de plátano

  9. Tapamos con outra filloa

  10. Repetimos a operación mais, nesta ocasión, cambiamos o plátano polos amorodos

  11. Facemos cantas capas nos apetezan

  12. Despois, colocamos un prato sobre a torta e, coa axuda dun coitelo, cortamos os bordos dos freixós para igualalos

  13. Decoramos como máis nos guste! Nós puxemos unha filloa dobrada en forma de triángulo, fixemos unhas liñas coa crema de cacao e puxemos un pouco máis de plátano. Montamos a nata coa cullerada de azucre e, coa axuda dunha manga pasteleira e dun bico, rodeamos a torta e puxemos unhas estrelas sobre o plátano

Autor Bolboretas no bandullo é un proxecto gastrocultural comprometido co noso idioma e cultura de Diana e David, profesores de lingua e autores do libro "Cociñando con Bolboretas no bandullo" www.bolboretasnobandullo.com
Votación
7 votos
Comentarios

Torta de filloas