Lois Orosa en «De 0 a 100»: «O maior valor do Cesga é o apoio á comunidade científica»

O director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) fai balance dos 31 anos que a organización leva ofrecendo os seus servizos. Actualmente máis de 1.400 usuarios botan man del para diferentes proxectos de I+D+i, que se benefician do emprego dos seus sistemas de altas prestacións. Entidades coma MeteoGalicia, por exemplo, melloran as súas previsións meteorolóxicas gracias aos seus sistemas de procesamento de datos. E nos seus equipos de almacenamento, actualmente de 35 petabytes (PB), albergaranse nun periodo de cinco anos mostras de ADN de 400.000 galegos, coas que no futuro poderán identificarse variantes xenéticas de risco e así «previr e anticipar enfermidades». Lois Orosa (Santiago, 1982), detallou algúns dos destacados proxectos en marcha e o traballo do centro aos alumnos do IES Pontepedriña, no que el mesmo estudou, no programa que La Voz realiza en colaboración con Consellería de Educación. «Para nós, que aceptamos proxectos que supoñan avances en investigación, é fundamental contribuir con iniciativas que xa están repercutindo na mellora da calidade de vida dos galegos», sinala Orosa poñendo como exemplo a cada vez máis precisa previsión do tempo que MeteoGalicia pode ofrecer. A cartografía e os mapas detallados da comunidade tamén son datos que dixitalizados e interpretados polas súas computadoras teñen moito valor. «Non só se trata de Sistemas de Información Xeográfica, Augas de Galicia pode monitorizar en tempo real datos hidrográficos evitando o risco de inundacións», ampliou a explicación ao respecto para o alumnado de 4º da ESO do centro de secundaria. A mediados de 2026 o Cesga verá ampliadas as súas instalacións no Campus Sur de Santiago cun novo edificio no polígono compostelano de A Sionlla, que suporá albergar unha nova evolución da súa supercomputadora Finisterrae e contar con máis almacenamento de datos.

05 dic 2024 . Actualizado a las 15:32 h.