Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant: «A IA non trata só de ter datos, senón de entender o que significan»

O marinense Luis Pérez Freire volveu ao que foi o seu instituto para compartir a súa traxectoria profesional, vencellada nos últimos 15 anos a Gradiant, centro tecnolóxico con sede en Vigo ao que se incorporou en 2009 para liderar a área técnica de procesado e seguridade multimedia. 
Pérez Freire explicou que Gradiant axuda a múltiples empresas a aproveitar as vantaxes da dixitalización para ser máis competitivas a través de tres áreas principais de investigación: a conectividade, a ciberseguridade e a intelixencia artificial. «Procuramos adiantarnos ao futuro e así estar preparados para o que demandan os nosos clientes», explicou na biblioteca do IES Illa de Tambo de Marín. «Son pemes, de non máis de 50 empregados e que traballan no sector tecnolóxico, as que máis botan man dos nosos recursos», sinalou quen dende hai unha década é director xeral da entidade. 
En Gradiant, xa teñen en marcha proxectos centrados nas redes 6G, que sucederán ás 5G de conexión inalámbrica, facilitando non só maior ancho de banda, senón unha latencia ou tempo de retardo mínimo, o que nun futuro próximo permitirá democratizar tecnoloxías como a conducción autónoma ou as operacións cirúrxicas a distancia. A finais deste mesmo ano, Gradiant consolida a súa aposta coa IA lanzando unha nova empresa: «Levaremos ao mundo real investigacións que fixemos nese eido, comercializando unha solución para mellorar o tratamento de enfermidades crónicas en hospitais e centros de saúde».

15 may 2025 . Actualizado a las 12:46 h.