Noite de Muiñada, unha de Shakespeare no FIOT e máis para este venres

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Carlos Furman

Así vén a axenda deste 17 de outubro na Costa da Morte: plans non falta, e son ben variados

17 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Venres intenso en Vimianzo, pois esta noite non só se preestrea a obra de teatro Brazaletes no auditorio da Casa da Cultura (ver aquí entrevista a Javier Castiñeira), senón que tamén botará a andar a décima edición da Muiñada, antropofesta organizada por Cherinkas. Son dous días este ano, e neste véspera, con entrada de balde no Muíño da Agra —Palco do Tarabelo—, os concertos virán da man de Paracetafolk e Benofán Charanga, a partir das 22.00 horas. Logo, foliada.

Unha de Shakespeare co selo de Chamé Buendía, no FIOT

Hoxe • Carballo • 21.00 horas • Fin de semana intensa no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT): dende hoxe ao domingo, tres propostas de sala, microteatro, Rúa dos Contos e tamén FIOT en Ruta. No que respecta á programación de sala, a primeira das obras será esta mesma noite, ás 21.00 no auditorio do Pazo. Trátase dunha estrea en Galicia e o que trae Gabriel Chamé Buendía (Arxentina) é unha tradución, adaptación e dirección de William Shakespeare: Medida por medida (La culpa es tuya). Pasaron xa dez anos da súa anterior visita ao FIOT, mais aínda hai quen lembra o talento deste arxentino, mestre de actores. A proposta deste 2025 —100 minutos, para todos os públicos— é a reinvención dun clásico dende o humor físico e a linguaxe escénica: cuestiona a obra as estruturas morais, as tensións entre o poder e a responsabilidade, o abuso do poder político e sexual, os lazos «íntimos» entre a nobreza e a baixeza do ser humano, capaz do mellor e do peor. Unha frase: Non xulgues, se non queres ser xulgado, porque co xuízo que xulgas, xulgarante, e coa medida que midas, medirante. Entradas: 12 €.

Triple cita para os máis pequenos: contos e emocións

Os pequenos das casas teñen varias citas este venres:

ZasAvanza o programa Follas de outono, ciclo cultural promovido polo Concello de Zas. No CPI de Zas, hoxe ás 11.00, recibirán a visita de Polo Correo do Vento, co contacontos Cantareiras, en torno ás mulleres homenaxeadas estas Letras.

Caión (A Laracha) • Nova cita do Outono de Contos promovida dende o Concello, hoxe no centro sociocomunitario de Caión: 18.00, As aventuras de Mariña, con Galeatro.

Alba Bermúdez, fundadora da compañía Galeatro
Alba Bermúdez, fundadora da compañía Galeatro Ana Garcia

Carballo • Bota a andar o programa De landras a carballos, organizado polas áreas de Igualdade e Normalización Lingüística. Ás 18.00, nas Escolas Agra de Caldas, Emocións en movemento con Laura Martínez.

Cadea humana contra o cancro

CeeO cancro de mama, tomámolo a peito: velaí o lema da cadea humana que promove para hoxe ás 12.00 horas, na Praza de Muller de Cee, a xunta local da AECC. Piden levar unha prenda de cor rosa. Tamén hoxe iluminarase desta cor o consistorio de Coristanco: a partir das 20.30.

Charla polo Día da Menopausia

Carballo • Acolle este venres a Biblioteca Rego da Balsa, en Carballo, unha charla-coloquio que leva por título Coidemos o solo pelviano na menopausia. Será ás 19.00 horas, con entrada libre e de balde ata completar capacidade. Colaboran Concello e equipo do centro de saúde.

Limpeza de areais na vila de Caión

A Laracha • O colexio de Caión coordina para esta mañá —saída ás 10.00 do centro— unha limpeza dos areais da localidade. Inxiren a actividade no programa Voz Natura e nela tomarán parte tamén escolares de Paiosaco, A Laracha e as escolas infantís de Larín e Rorís (Arteixo).

E ademais...

A maiores de todo o anterior, estas outras citas hoxe, día 17:

Festival Escena Muller. DumbríaNa Casa da Cultura de Berdeogas, ás 20.00, escena e narración oral con Vero Rilo e Atenea García: función Bailan as vellas. O Festival Escena Muller (FEM) está promovido pola compañía aAntena, con actividades en Dumbría, Camariñas e Vimianzo.

Proxeccións audiovisuais. Cerceda, Vimianzo e CorcubiónDobre parada do ciclo Mestre Mateo na comarca. Unha, ás 20.00 horas no auditorio de Cerceda, onde se poderá ver + Cuñados. No auditorio de Vimianzo, á mesma hora, será a quenda para Filme paxaros voando, historia persoal sobre a memoria, a identidade e a reconciliación familiar. No caso de Corcubión, a proxección é con motivo do Día da Muller Rural: ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, cita co traballo Prefiro condenarme, de Margarita Ledo. Forma parte do Ciclo Nacional de Cine y Mujeres Rurales.

Exposición. MalpicaConmemorando o 92.º aniversario do paso das Misións Pedagóxicas por Malpica, o centro cívico acolle dende hoxe ata o 31 unha exposición.

Tardeo e concerto. Carballo • Nova tarde de tardeo na cafetaría Colón, en pleno centro da vila. A partir das 20.30 horas, actúa Diana Pombo.