Botou a andar en Dumbría o Festival Escena Muller: «Un festival como este enriquece o territorio»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

DUMBRÍA

BASILIO BELLO

O FEM comezou cunha mostra que poderá visitarse todo este mes no Conco e pasará tamén por Vimianzo e Camariñas

10 oct 2025 . Actualizado a las 23:47 h.

A quinta edición do Festival Escena Muller, FEM 2025, botou a andar este venres no albergue do Conco, Dumbría, e fíxoo coa apertura da exposición Coreografías do facer: imaxes do traballo feminino en Gustav Henningsen. Comeza así un programa que ata o día 26 acollerán tamén os concellos de Camariñas e Vimianzo. A mostra, exposta en Dumbría todo este mes e comisariada por Ana Estévez Lavandeira, do equipo do Museo do Pobo Galego, inclúe unha selección de fotografías históricas realizadas polo folclorista e antropólogo danés entre 1965 e 1968: nelas documenta o labor feminino en vilas e aldeas de Galicia. «Representa moita da filosofía coa que naceu este festival, a visibilidade das mulleres e a súa posta en valor a través da exposición cultural con impacto no territorio», apuntou a deputada provincial de Igualdade, Sol Agra. FEM, impulsado pola compañía aAntena, con Xosé Leis e Bernardino Martínez na dirección, conta co apoio da Deputación.

«Pretende que reflexionemos sobre como os coidados son tan importantes na nosa vida, e moitas veces esquecidos», afirmou Xosé Leis á vista das imaxes. FEM naceu desde ese lugar, lembrou: «Outorgar espazos nos que as mulleres poidan mostrar aquilo que din, cren e senten». «Un festival que nos chega moito por todo o que representa. Un proxecto cultural e social xa de referencia (...) Un festival igualitario e descentralizado», abundou Agra, que sinalou dous aspectos: o levarse a cabo en diferentes espazos, máis ou menos convencionais, e o traballar con mocidade, «imprescindible para un futuro máis concienciado». Agra agradeceu a aAntena a elección da Costa da Morte, territorio co que, dixo, ten moita implicación polo seu traballo en Muxía dende hai máis de 20 anos.

BASILIO BELLO

Máis que un ciclo de espectáculos, o FEM é «voz colectiva e valente», cultura máis alá das grandes urbes, en palabras de Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas: «Un festival como este enriquece o territorio». Mónica Rodríguez, rexedora de Vimianzo, aludiu a unhas imaxes que poida que aínda estén na nosa memoria, «pero xa non se ven», de aí a importancia de rescatalas. Falou tamén da «diversidade» de actividades. «Todo o que se faga para resaltar o labor da muller rural nunca será suficiente. Eran e son fundamentais no día a día», afirmou do seu lado Raúl González, alcalde de Dumbría. Para mostra, súa nai, viúva con 30 anos e tres fillos, traballadora da mina de Varilongo, da baleeira de Caneliñas ou mesmo emigrante a Inglaterra.

A seguinte cita: este domingo 12 de outubro 

Basilio Bello

  • Paseo marítimo do Ézaro. Ás 13.00 horas, tradición oral con Lupe Blanco: «A regueifa: o mundo é noso»
  • Edificio Bitácora de O Ézaro: Ás 20.30 horas, escena. Obra de teatro «Golpes», a cargo de Estíbaliz Veiga.