
Música, gastronomía, cultura e historia daranse cita na 28.ª edición desta festa: 4 e 5 de xullo
28 may 2025 . Actualizado a las 09:57 h.Pouco protocolo é preciso cando o que se quere presentar é algo tan grande, común e sentido como o Asalto ao Castelo de Vimianzo, cuxa 28.ª edición será 4 e 5 de xullo. No foso do castelo, ese mesmo que se encherá de xente na noite do día 5 cunha Cea Medieval que esgotou entradas en só horas, foi onde este martes se deron as principais pinceladas desta Festa xa de Interese Turístico. Hai novidades e aínda algunha sorpresa que se segue a gardar.
Musical dende o seu inicio, neste 2025 refórzase este apartado con Che Sudaka, Monoulious DOP e Yaya DJ o venres, e con Alana, The Rapants, Heredeiros da Crus, Firkin e Mekánika Rolling Bad para o sábado. Por vez primeira, toda a noite do sábado, incluída a representación do Asalto (23.30) será con entrada, explicou dende a organización Manuel Rial. Maiores de 65 anos non pagan e pequenos tamén teñen convite, todo a xestionar en asaltoaocastelo.gal. Sen saír do musical, haberá sesión vermú o día 6, cos grupos Catro nun Zoco e Coídos, vimiancés, así como obradoiros con Mini Rivas. Será un ano especial, doutro lado, polo décimo aniversario do disco Irmandiños somos, que por tan singular ocasión se subirá ás plataformas dixitais.
«É un orgullo tocar no pobo do festival que levo mamando dende que son cativo», afirmou Pablo Rodríguez, integrante de Alana. El, que é vimiancés, referenciou «un cartelazo» e, no que respecta ao directo da súa propia banda, «algunha sorpresa». O Asalto ao Castelo, finalista dos Iberian Awards e tamén aos Códax da Música —saberase en próximas horas a resolución— é un dos poucos festivais que van quedando organizado por asociacións, Axvalso e Cherinkas neste caso, sen ánimo de lucro. «Iso aínda nos enche máis de orgullo», afirmou Rial, que avanzou entre as novidades desta 28.ª edición un certame de microrrelatos irmandiños.

Moito antes do día grande, haberá toda unha xeira de actos, a destacar unha conferencia de Manuel Gago o 28 de xuño, sobre mitos e realidades das revoltas irmandiñas, ou a Legua Irmandiña, tamén esa xornada. «Como novidade, limitamos as prazas na categoría adulta, 200», avanzou Damián Álvarez, de Terra de Soneira SD. Será a única con inscrición de pago (5 euros). O arranque, ás 21.00 horas.
Con «grande participación» se saldou a convocatoria da 16.ª edición dos Pinchos Irmandiños. Cris Landeira adiantou que manteñen «a non incorporación de alimentos colonos», posteriores ao descubrimento de América, e introducirán por vez primeira opción vegana, keto e sen glute. Todo, mantendo o prezo, xa dende o martes, mañá e tarde, e incluso con cinco locais en horario interrompido. Custa non caer na pataca, pero fano con imaxinación.
De admirar
As regueifas de Suso de Xornes e Lupe Blanco na Cea Medieval, Cé Orquestra, torneos de esgrima, exhibición de armas, xadrez, o Asaltiño, a historia teatralizada do castelo por parte da mocidade, a reunión das Irmandades Parroquiais de Soneira... Todo iso completará un programa «amplo» que non só é cousa de asociacións de Vimianzo: «É un traballo de meses para que isto saia adiante», dixo Rial. Concello, Deputación e patrocinadores como Estrella Galicia son tamén vitais nos apoios.
Mónica Rodríguez, rexedora, falou este martes de «orgullo» para Vimianzo. Falou tamén da «semana grande» para a vila e agradeceu por iso a todos cantos o fan posible. Correrá o pregón desta edición a cargo da Carballeira de Zas.

«A semana grande do Asalto xa non é só de Vimianzo, é patrimonio de toda a Costa da Morte e mesmo de Galicia», afirmou do seu lado Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación. «O Asalto é unha conexión coa historia, co talento, coa gastronomía, co turismo cultural. Recoñecendo todo isto, a Deputación reformula a fórmula de financiamento do festival». Firmará un convenio co Concello «para seguir dimensionando este evento que xa ten unha dimensión enorme». A muxiá Cristina Canosa, asidua asistente ao Asalto e neste caso representante de Estrella Galicia, amosou a «honra» que é para unha marca que apoia as tradicións facelo «cunha festa coma esta, que é unión de veciños»: «É de admirar que logo de 28 anos teñades este cartel tan ambicioso e sigades innovando».