O MIHL ofrece un novo ciclo de contacontos en Lugo

LUGO

Trémola Teatro abre o ciclo o día 24
Trémola Teatro abre o ciclo o día 24 CEDIDA

Trémola Teatro inaugura o programa o xoves 24 con «Que animaliño é?», para público de 1 a 3 anos

14 feb 2022 . Actualizado a las 12:56 h.

O MIHL retoma o ciclo de contacontos e animación á lectura, desde o 24 deste mes ata o día 7 de abril, con funcións dirixidas a diferentes franxas de idades. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades desta nova edición, coas que «pretendemos achegar as máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero».

Ferreiro engadiu que as actividades terán lugar nas instalacións do MIHL: «Para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es». As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa. Todos os espectáculos terán lugar ás 18.30 horas.

A programación completa é a seguinte:

· Xoves 24 de febreiro. Trémola Teatro. «Que animaliño é?». Idades: de 1 a 3 anos. Duración: 30 minutos

Sinopse: Paula está moi contenta porque o seu pai regaloulle un xilófono. Para darlle as grazas, vai tocarlle unha canción, pero cando empeza a practicar, dunha caixa máxica comezan a saír animais. Quen son?

· Xoves 3 de marzo. Marisa Irimia. «O círculo máxico dos contos». Idades: a partir de 3 anos. Duración: 45 minutos

Sinopse: O círculo máxico dos contos é un espazo íntimo e irreal onde os sentidos e a maxia das palabras cobran especial protagonismo, un espazo onde só teremos que deixarnos levar polas historias que aquí se van contar.

· Xoves 17 de marzo. Talía Teatro. «Rosa Caramelo e outras historias». Idades: a partir de 4 anos. Duración: 45 minutos.

Sinopse: Espectáculo que aborda dun xeito lúdico, valores como a igualdade de xénero e a tolerancia na convivencia, a través dos contos de Adela Turín: «Rosa Caramelo», «A historia dos bonobos con lentes» ou «Artur e Clementina».

· Xoves 31 de marzo. Raquel Queizás. «Travesías». Idades: a partir de 3 anos. Duración: 50 minutos

Sinopse: Historias de viaxes cheas de aventuras, nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. Contos que transmiten valores de igualdade entre nenas e nenos.

· Xoves 7 de abril. Mago Teto. «A maxia dos contos». Idades: a partir de 4 anos.