O actor Denis Gómez será pregoeiro en Muimenta: «A filloa é a miña sobremesa favorita»
LUGO

O artista chega con ilusión á Festa da Filloa, que se celebra o xoves 1 na vila chairega, despois de rodar un filme coa francesa Marion Cotillard
30 abr 2025 . Actualizado a las 12:25 h.Denis Gómez (A Coruña, 1978), é un dos nomes propios da escena audiovisual do país, que este xoves, día 1, chega ata Muimenta para ofrecer o pregón da Festa da Filloa. Será ás 13.40 horas, xusto antes da entrega de premios aos gañadores do concurso de relato e debuxo.
Actor de cine, teatro e televisión, na súa dilatada carreira profesional destaca o seu traballo en numerosos proxectos de éxito, como a película Los lunes al sol (2002), de Fernando León; a serie Cuéntame cómo pasó (2017 e 2018); a serie El vecino (2019), para Netflix; a serie Néboa (2020), para TVE; ou a película Código Emperador (2022), de Jorge Coira.
—Como recibiu a nova de ser o pregoeiro da Festa da Filloa?
—Foi unha sorpresa, para min é unha honra e tomeino con moita ilusión.
—Sobre que falará no pregón?
—Primará a brevidade, que é algo moi importante nun pregón, xa que a xente irá con ganas de filloas, e estará marcado polo humor, a emoción e a honestidade.
—É a primeira vez que asiste á Festa da Filloa?
—Si. Coñezo a zona e teño amigos por aquí, pero nunca viñera á Festa da Filloa e tampouco dera nunca un pregón, esta será a miña primeira vez. Estou contentísimo porque, ademais, a filloa é a miña sobremesa favorita, na miña casa sempre faltan e nunca sobran, así que tomarei clases en Muimenta para ver se aprendo a facelas mellor.
—En que proxectos está traballando actualmente?
—Pois agora veño de facer unha película na Costa Brava, cun equipo de profesionais franceses. O meu papel era de español. Estiven con Marion Cotillard, que fixera o papel de Édith Piaf, polo que recibiu o Oscar, e estou moi orgulloso. Tamén sigo coa compañía de teatro Os Náufragos, con Gustavo del Río.
—Ten rodaxes por Galicia?
—Teño tres películas pendentes de estrear: Leo e Lou, de Carlos Solano; Tralovento, de Eloy Domínguez Serén, sobre o debate eólico; e Así chegou a noite, de Ángel Santos Touza; e a serie Animal Salvaje, de Víctor García León, para Netflix, que será o meu cuarto proxecto con Luis Zahera.
—Atópase nun bo momento o sector audiovisual galego?
—Leva unha boa racha, pero falta unha aposta maior por confiar no noso, nos nosos profesionais. No que si se confía moito é nas nosas localizacións porque, claro, temos de todo: urbano, rural, mar, terra, montaña...