Meira despide aos seus mortos en galego: «As funerarias están máis implicadas e adáptanse ás familias»
MEIRA

A exposición «Os adeuses eternos. Palabra e memoria», na igrexa mosteiral de Santa María, ilustra a evolución do estilo literario e do uso da lingua nos epitafios e necrolóxicas da zona
22 jul 2025 . Actualizado a las 11:50 h.A despedida que se dedica aos seres queridos na hora da súa morte é eterna, porque esas palabras perdurarán para sempre na lápida. De aí que a elección da lingua e do estilo literario sexan elementos aos que cada vez máis xente lles presta atención. A evolución destes cambios nos epitafios e necrolóxicas é o que mostra a recentemente inaugurada exposición Os adeuses eternos. Palabra e memoria, que se pode visitar na igrexa mosteiral de Meira. Alí se expoñen fotografías das placas e dos textos da zona de Meira, que quedarán instaladas de maneira permanente. Porén, o epitafio máis antigo xa está no interior da propia igrexa, no sartego de dona María de Bolaño, e data de 1518.
A exposición da continuidade a un proxecto que comezou no 2023, coa colaboración do Modelo Burela, do Concello e da parroquia, e mostra a evolución dos epitafios en galego e dos datos nos últimos anos. Cúmprense dous anos desde que abrise as portas en Meira a exposición inicial de Os adeuses eternos, que recolle unha curiosa antoloxía de fotografías de epitafios dos cemiterios da localidade.

Desde o momento en que se mostraba socialmente un traballo de documentación realizado en diferentes parroquias de Meira, Riotorto e Ribeira de Piquín, o panorama lingüístico non parou de transformarse. Un dos exemplos, segundo explican desde a Oficina de Turismo de Meira, é o da funeraria Lourido, que pasou de usar o idioma galego en menos do 10 % das necrolóxicas a dar a volta ás porcentaxes: no 2025 sitúase no 90 % e a súa presenza nótase nos puntos habituais de información e tamén nas propias seccións de necrolóxicas da prensa escrita. «As funerarias teñen máis tacto, están máis implicadas e adáptanse ás familias», explica Yoani Jartín, técnico de Turismo. «Nuns momentos tan delicados como a morte dun ser querido, o contacto directo coas familias teno o cura e as funerarias, e son eles os que están facilitando que se poidan despedir dos seus achegados na lingua que prefiran. Antes ese proceso facíase por mecánica, había modelos xa feitos, como ‘recuerdo de tu familia’, e non se reparaba nos textos das necrolóxicas; pero hoxe en día hai opcións tamén en galego, houbo un cambio importante nese sentido», continúa.
A elección da lingua ten importancia porque «recordamos igual que falamos», por iso a despedida, din os organizadores, debe facerse «desde o corazón e coa lingua que nos sae de dentro. Usámola en vida e tamén nos adeuses, porque nela está recollida a nosa memoria».
Aumento do uso do galego
Esta iniciativa, resultado da colaboración da Oficina de Turismo de Meira co consello parroquial e coa intervención de Palabra e Memoria, foi presentada en outubro do 2024 nun encontro organizado polo Consello da Cultura Galega. Desde ese momento, toda a información está recollida polo xornalista David Canto Veiga na Cartografía dos cemiterios galegos, que ofrece información de 221 concellos e de máis de 70.000 familias. No caso concreto de Meira, o uso da lingua neste sector xa se sitúa por volta do 40 %.
Segundo explica Yoani Jartín, hai un claro aumento dos epitafios e das necrolóxicas en galego, aínda que non se reflicten tantos como realmente hai, porque «hai quen se incinerou e non está no cemiterio, ou porque hai xente que opta por un epitafio máis simple, sen texto, con números e símbolos, como unha estrela para a data de nacemento e unha cruz para a de falecemento, polo que non se sabe que idioma terían escollido». En canto ao estilo literario, a técnica de Turismo conta que se perciben máis mensaxes persoais, lonxe de frases feitas, sobre todo cando o texto vai en galego: «Iso nótase de maneira moi evidente nas lápidas máis antigas, porque daquela, quen elixía o galego facíao conscientemente, cunha sensibilidade específica, polo que son textos máis elaborados».

O acto inaugural da exposición completouse cunha visita guiada ata o cemiterio de San Roque, na que os participantes puideron ver a evolución histórica, social e arquitectónica da vila de Meira, así como as construcións e epitafios do cemiterio, ligado a moitas historias e a algúns enterramentos. «Na Terra Chá, por exemplo, son moi habituais os cemiterios góticos, pero iso non ocorre tanto en Meira, onde seguen máis o estilo das fachadas de arte modernista», aclara Yoani Jartín.