Rosa Chapela, directora do Cetmar: «Hai pescadores que son oenegués ambulantes cos seus barcos»
SOMOS MAR
As cotas e o futuro do sector dependen, en boa medida, dos estudos dirixidos por esta filla de mariscadora e mariñeiro que coordina e enlaza a científicos e empresas. A falta de relevo xeracional é, segundo Chapela, o grande problema da pesca a día de hoxe
13 sep 2025 . Actualizado a las 04:50 h.«Eu tamén son científica. Dedícome ás ciencias sociais», Rosa Chapela (Moaña, 1971) non leva bata branca para investigar, nin falta que lle fai. Nun momento en que o futuro da pesca galega se decide en Europa, os estudos que elaboran os equipos que dirixe esta doutora en Dereito actúan como faros para fixar cotas e taxas pesqueiras. Hai case un ano que se puxo á fronte do Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, ubicado en Bouzas, aínda que leva vinculada 24 anos a este organismo público dependente da Xunta, pero no que participa tamén o Ministerio de Pesca, as universidades galegas e as patronais Anfaco e Conxemar.
Chapela dirixe a medio centenar de investigadores encargados de dar resposta a un sector con múltiples ameazas e que xera o 5 % do PIB de Galicia. «Sábese que Marrocos quere desenvolver o marisqueo nas súas costas; en Dinamarca estanse levando a cabo iniciativas para a produción de mexillón, aínda que van lentos. Galicia segue á cabeza destas producións. No mexillón somos líderes en Europa e imos seguir así», reivindica. Nun escenario económico global é importante non perder a oportunidade da posición de mercado. Por iso esta semana vén de reunirse con mexilloeiros para estudar a extracción da semente: onde recollela, como e cando captala, optimizando a produción e investigando se pode facerse offshore, é dicir, fóra da ría.
Escoita aquí a entrevista
Agarda que nos vindeiros meses estean listos os estudos sobre a mortalidade de bivalvos nas Rías Baixas. Para acadalo, estanse estudando correntes, salinidades, temperaturas e efectos do cambio climático. «Esperamos os primeiros resultados os vindeiros meses e poñer en marcha accións concretas no ano que vén». No 2026 o Cetmar cumprirá 25 anos como axente catalizador destes informes. «Temos que deixar de falar da pesca con pesimismo. Temos que abordalo en positivo. Primeiro porque nos dá soberanía alimentaria e porque hai moitos pescadores que son oenegués ambulantes cos seus barcos na protección do mar».
Para defender isto en Europa empréganse os datos científicos que demostran a importancia da pesca no territorio. «Hai que levar alí as cifras, explicar canta xente se dedica a isto, o económico, o cultural e o histórico. Iso determina se un territorio se vai destinar a parques eólicos ou á pesca. As nosas vilas foron feitas grazas ao marisqueo, pesca e acuicultura, son actividades produtivas con grande efecto multiplicador». Dende que asumiu a dirección do Cetmar anda preocupada por captar talento de novos investigadores do ámbito da economía porque, defende, «non todos van traballar nun banco».
Cun pai mariñeiro de altura e unha nai mariscadora, coñece ben o que significa ir ao mar. Os irmáns maiores seguiron a estela marcada, un como capitán e outro como xefe de máquinas. Rosa Chapela fixo transbordo. Foi a primeira universitaria da familia coa vocación de ser docente de náutica e pesca. Tras licenciarse, dedicou a súa tese ao marisqueo e doutorouse estudando os usos do litoral para a acuicultura. Na súa carreira, pasou pola Consellería do Mar e, dende a Administración, opositou para desenvolver o traballo na área de socioeconomía do Cetmar, onde suma dúas décadas.
Ser de familia mariñeira non é garantía do relevo xeracional, moito menos a día de hoxe. Faltan incorporacións de xente nova para desenvolver un traballo que é menos duro que na época dos seus irmáns e pais, pero que non resulta atractivo para a mocidade. «Cando falo cos colegas europeos o grande problema é que non hai xente para embarcar. Hai que explicar que se traballas no teu barco podes conciliar. Os armadores teñen que poñerse as pilas por facer o traballo atractivo. Creo que xa o están facendo», defende.
«Nena de Lisboa»
A directora do Cetmar é a «nena de Lisboa» para os seus familiares. Era o alcume que empregaba o pai para referirse á súa primeira filla. A nai rompeu augas cando estaba traballando na leira. O parto foi ben e, dende Moaña, enviaron un telegrama para informar ao pai, que estaba a piques de embarcar en Alemaña. «O capitán do barco non lle deu o telegrama porque sabía da ilusión que el tiña polo nacemento e temía que non embarcase. Só llo entregou cando o barco xa partira. Meu pai contaba que se enfadou moito e pediu ao ceo, como na escea do Titanic, que o barco se avariase para poder regresar. Así foi, o barco tivo que volver por un problema mecánico pero o porto de Vigo estaba pechado polo temporal, así que baixaron ata Lisboa. Alí colleu un taxi ata a fronteira, cruzouna andando e colleu outro taxi ata a casa, para poder collerme no colo. Dende entón, chamábame ‘miña nena de Lisboa’». O pai volveu ó mar. Na filla quedou a pegada desta historia familiar que segue a marcarlle o rumbo no traballo diario.
A súa canción
«Impossible Germany», de Wilco. «Son moi fan deste grupo. Fun a Londres a velos, a Madrid, a Barcelona... Mesmo estaba embarazada dos meus fillos e facía a ximnasia con este tema. Esta canción fala de contradicións, de convivencias de persoas incompatibles pero que ao final necesitan estar xuntas».