Máis de 1.200 persoas de Lugo participarán nas viaxes gratuítas de «Coñece a túa provincia»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Recepción ás primeiras asociacións que participaron no «Coñece a túa provincia».
Recepción ás primeiras asociacións que participaron no «Coñece a túa provincia». CEDIDA

A Asociación de Veciños de Ombreiro Río Miño e Carpe Diem de Lugo estrearon este martes as rutas

15 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Lugo estreou este martes o programa de viaxes gratuítas «Coñece a túa provincia», no que esta tempada, ata o 10 de novembro, participarán máis de 1.200 persoas de 62 asociacións e colectivos lucenses. As primeiras entidades beneficiarias, a Asociación de Veciños de Ombreiro Río Miño e a Asociación Carpe Diem de Lugo, coñeceron a costa de Barreiros e Ribadeo, e os concellos de Lourenzá e Mondoñedo, respectivamente.

As actividades inclúen tamén unha visita a instalacións provinciais, que se converten en puntos de partida das viaxes. Na primeira xornada, coñeceron a historia do Pazo de San Marcos e o funcionamento da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei.

O presidente, José Tomé, recibiu no salón de actos á primeira asociación da visita e destacou a gran acollida do «Coñece a túa Provincia», que recibiu 143 solicitudes para 62 viaxes dispoñibles, unha alta demanda que «demostra que acertamos con esta proposta e que debe ter continuidade».

Neste sentido, Tomé lembrou que esta é unha das medidas do Plan de Impulso da Economía da Provincia que ten en marcha a institución, froito do compromiso do goberno de «axudar na recuperación dos sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son o turismo, a hostalería e o comercio local».

Porén, a iniciativa naceu tamén cun obxectivo máis a longo prazo, «para seguir consolidando o modelo de turismo polo que apostamos, de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e crea emprego, sobre todo no rural».

Programa de rutas

As viaxes serán en días laborables e os itinerarios percorren o patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico da provincia. A primeira parada realizarase nun espazo de titularidade provincial, como o Pazo de San Marcos, o Centro de Produción Audiovisual, a Granxa Gayoso Castro, o Centro de Interpretación Terras do Miño ou o Mazo de Santa Comba.

O «Coñece a túa Provincia» inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

As viaxes terán lugar sempre cumprindo coas medidas de prevención da covid-19 decretadas polas autoridades sanitarias en cada momento.

Esta mesma semana seguirán os percorridos. Hoxe tocaralle a Amuraxe, que visitará o Concello de Sober e fará unha viaxe no catamarán polo Canón do Sil, e o Centro Recreativo Cultural e Deportivo de Baamonde, que coñecerá os concellos de Chantada e O Saviñao. A Asociación Cultural Aquilino Iglesias Alvariño e a Asociación de Veciños de Coeses Agro Maior realizarán as viaxes o xoves, achegándose aos concellos e os monumentos de Paradela e Portomarín e Piornedo e Navia de Suarna, respectivamente. O venres será a quenda da Asociación Cultural Veciñal Río Pombo e a Asociación local de Pensionistas e Xubilados de Meira, que visitarán Quiroga e a xeoloxía deste municipio e, os meiregos irán ao Saviñao.